Friday 26 de April de 2024

O Concello de Lousame investirá case 600.000 euros en actuacións de rehabilitación do seu patrimonio e eficiencia enerxética


O Pleno solicita 237.000 € ao Fondo de cooperación para o apoio á financiación de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes

 

O Pleno municipal de Lousame, reunido na noite de onte xoves en sesión extraordinaria, aprobou a proposta do grupo de Goberno de solicitar 237.000 euros ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Un empréstito sen xuros que permitirá acometer actuacións por un importe de 596.871 euros en materia de rehabilitación do patrimonio e mellora da eficiencia enerxética.

 

O Pleno aprobou, cos votos a favor dos grupos municipais de PP e PSOE e a abstención do BNG, cinco proxectos de obras:

  • Mellora do lavadoiro de Lesende, que contempla un investimento de 49.545,12 euros e cun prazo de execución de tres meses. O Concello solicita o 100% do importe da actuación.
  • Melloras no lavadoiro de Meixonfrío, por un importe de 20.710,69 euros. O Concello solicita o 100% do importe da actuación.
  • Melloras na contorna da igrexa de San Xoán de Lousame, por un importe de 66.334,11 euros. O Concello solicita o 100% do importe da actuación.
  • Pavimentación do núcleo de Camboño, por un importe de 210.174,25 euros, dos que o Concello solicita un préstamo polo 30% da actuación (63.052,27 euros).
  • Redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do Concello de Lousame, un proxecto orzamentado en 250.107 euros e que inclúe actuacións en Aldeagrande, Marracín e Tállara. O Concello solicita o 15% da actuación, 37.516,05 euros.

 

Debate plenario

 

A sesión plenaria foi presidida polo primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Obras, Ramón Martínez Rial, ante a ausencia de Teresa Villaverde. Ramón Martínez puxo en valor o fondo habilitado pola Xunta pois “nos permitirá acometer unha serie de actuacións importantes que poremos a disposición dos veciños e veciñas de Lousame ao longo do ano 2023 e que poderemos financiar sen ningún tipo de xuro e, en moitos casos, ata oito anos vista”.

 

O PSOE apoiou todas as actuacións, se ben a súa voceira, Beatríz González Bargo, solicitou a inclusión do cemiterio civil no proxecto de melloras na contorna da igrexa de San Xoán de Lousame. Ramón Martínez explicou que non se poderá incluír esa demanda no proxecto actual, posto que xa está pechado, pero coincidiu na necesidade de facer esa actuación polo que “intentaremos incluír esa parte noutro proxecto, xa que este céntrase sobre todo na zona da praza”.

 

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, xustificou a abstención do seu grupo, tanto na aprobación da urxencia da sesión como na aprobación das cinco actuacións que se votaron de forma individual, en que se estaba endebedando o Concello e criticou a capacidade de xestión do grupo de Goberno. Ramón Martínez reprochoulle que “vostede prefira que os veciños e veciñas de Lousame teñan que agardar 4, 5 ou 8 anos a que se fagan estas obras cando repítolle que son préstamos a interese cero. Nós preferimos que desfruten das actuacións”.

 

Así mesmo, puxo como exemplo o proxecto de redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público de Lousame: “so con ese 15% que solicitamos, imos aforrar moitos cartos na factura eléctrica mensual. O que non tería sentido sería agardar ao 2026 por non pedir un crédito, cando o aforro que imos conseguir xa no 2023 é superior ao préstamo solicitado. E a iso hai que sumar os aforros do 2024 e 2025. Iso é sabe xestionar”.